jueves, 31 de enero de 2013

As mulleres que deron luz a unha Compostela gris.

Coralia e Maruxa Fandiño Ricard eran dúas irmás costureiras, fillas dun zapateiro e pertencentes a unha familia obreira compostelá de once irmáns. Tres deles eran destacados membros da CNT, sindicato anarquista, polo que tras o golpe de estado de 1936, un dos irmáns foi asasinado e os outros dous fuxiron. Elas mesmas, probablemente, eran militantes do mesmo sindicato.

Esta circunstancia someteu ás irmás Fandiño, terían pouco máis de vinte anos, a unha constante persecucción por parte dos falanxistas: paseos ata o Monte Pedroso, rexistros nocturnos, paseos espidas pola vía pública, violacións, torturas… Cando foron arrestados os dous irmáns escapados a mediados da década dos corenta cesou a persecucción mais o mal xa estaba feito; ambas mozas entolearan, perderon os clientes que tiñan como costureiras e tiveron que vivir da caridade dos veciños. 

Algúns deles, sen embargo, coidándose de que non se soubese, deixaban cartos nalgunhas tendas nas que elas mercaban para cubrir as súas necesidades máis elementais. A proba máis contundente do afecto dos santiagueses sucedeu arredor de 1960 cando un temporal arruinou o tellado da súa casa. En poucos días, a recadación para os arranxos superaba o custo dunha vivenda naquela época.


Coralia e Maruxa saían todos os días dar un paseo, sempre ás dúas en punto, engalanadas cos seus vestidos rechamantes, feitos por elas mesmas no seu taller, con cores alegres e case tan vivos coma elas, e maquilladas con pós de arroz. 
Maruxa, a maior das dúas, piropeaba aos estudantes coidando que todos os homes estaban namorados, e estes, a modo de contestación, gritábanlles: "liberdade, igualdade e fraternidade" mentras levantaban os puños.
Os veciños e case todos os cas coñecían  adoraban  a estas mulleres, sempre alegres, sorríentes e bromistas. 

Canturreaban cancións tradicionais da súa terra, e, a pesar das humillacións que sufrían, elas sentíanse orgullosas do que eran, galegas.

Pero non todos vían nelas actuacións correctas, pois algúns chamabanas cos despectivos de "roxas" e "putas".
Algúns foron máis alá, pois dicían que había unhas vellas chamadas “As Marias”, dúas irmás que vivían na Costa da Trisca, e que cando eran novas collian os nenos pra chucharlles o sangue. Logo, aos poucos días, deixábanos libres vivos pero moi desmellorados, e que cando escurecía se alguén berraba "As Marias" todos corrían para a casa. Eran bruxas malas. 

Co paso dos anos, a historia das dúas irmás Fandiño foi caendo no esquencemento, ata que o veciño César Lombera conseguiu convencer no 1994 ao entón alcalde Xerardo Estévez, logo de nove anos propoñéndollo ao Concello, para que instalase unha escultura na súa lembranza. Esta, realizada polo propio César Lombera, consistiu nunha reprodución realista e policromada das dúas mulleres durante os seus famosos paseos baseada na foto máis coñecida de ámbalas dúas irmás, con Maruxa á dereita, co brazo estendido, e Coralia sostendo un paraugas. A obra foi situada na Alameda, lugar onde a día de hoxe permanece.
Dende entón, a escultura é unha das máis coñecidas da cidade, tanto pola curiosidade que esperta entre os turistas coma por servir de punto de encontro para os composteláns. Con frecuencia fíxase coma lugar de saída de manifestacións.
Ademáis, co ánimo de conservar a súa memoria, o escritor e guionista Henrique Rivadulla Corcón realizou o documental Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño, narrado por Farruco, en que unha serie de veciños de Compostela relatan a súa relación coas finadas irmás.
Moita xente que se sentía afogada polo réximen e que non se rebelaba por temor a represalias, vían nas Marías ese grito de liberdade que tanto desexaban. Elas levaron a rebelión a un punto de vista pouco esperado, pero que deu os seus frutos.
Estas mulleres significaron tanto un avance para a liberdade galega como para a liberdade da muller.
Coa súa actitude demostraron ser unhas fieis loitadoras pola liberdade de Galicia, que tanto anhelaban, mostrándose por medio dos seus actos en contra da dictadura que viviron.

A pesar das moitas tortutas, violacións, humillacións,... que sufriron, foron o suficientemente valentes como para seguir saíndo da súa casa, coa cabeza ben alta e cunha sonrrisa que demostraba que tipo de persoas eran.
Ademáis, con esta pequena revolta que empezaron, loitaron, dunha forma máis escurecida polos dereitos das mulleres, sen mostrar medo ningún diante de aqueles oficiais ou homes que insultabaas ao velas.
Sen dúbida algunha, estas dous mulleres deben de ser un icono galego, un símbolo da muller e da liberdade, un exemplo a seguir e, por suposto, dous mulleres das que debemos estar completamente orgullosos.

Dous mulleres que marcaron un principio e un fin, duos mulleres que se lembraran por ser únicas, dous mulleres loitadoras.









No hay comentarios:

Publicar un comentario